Iniciar sesión
A lexislación vixente establece que con carácter xeral, as/os mariscadoras/es deben cesar na súa actividade, dándose de baixa no censo correspondente, no mesmo día que fagan os 65 anos, polo que, en tales circunstancias, poderían solicitar a correspondente pensión de xubilación, de conformidade coa normativa vixente en materia de seguridade social.
Non obstante, existe un colectivo de mariscadoras/es que ao finalizar a súa actividade profesional por faceren a idade anteriormente indicada non pode desfrutar da pensión de xubilación por non ter o período mínimo de cotización requirido pola Seguridade Social.
Deste xeito, faise necesario o establecemento de axudas asistenciais que permitan, dunha parte, colaborar no pagamento das súas cotizacións para completar, mediante a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social, os seus períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar, co obxecto de alcanzar unha pensión de xubilación e, doutra parte, facilitar a súa subsistencia durante o transcurso do tempo necesario para completar as cotizacións.
Beneficiarias/os das axudas.
1. Poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde as/os mariscadoras/es que reúnan os requisitos establecidos no artigo seguinte e que no período comprendido entre o 1 de novembro do ano anterior ao da convocatoria e o 31 de outubro do ano da convocatoria estean nalgunha das situacións sinaladas a continuación:
a) Que tivesen o permiso de explotación para o marisqueo a pé (Permex) en vigor ata o día inmediato anterior á data en que fagan os 65 anos.
b) Que, unha vez feitos os 65 anos, teñan prorrogado o Permex.
2. Igualmente, poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde as persoas que obtiveron axuda na derradeira convocatoria, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para que os/as mariscadores/ as a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar co obxecto de alcanzar a pensión de xubilación.
Requisitos das/os beneficiarias/os.
1. As/os beneficiarias/os deberán:
a) Ter exercido a actividade marisqueira a pé durante os dez anos anteriores á data de cesamento nesta.
b) Ter cotizado á Seguridade Social un período mínimo de 10 anos. Non obstante o anterior, bastará un período mínimo de 9 anos para as persoas solicitantes que cumpran as condicións do artigo 2 no período comprendido entre o 1 de novembro e o 31 de decembro do ano anterior á convocatoria. En cada unha das convocatorias anuais sucesivas que se realicen, a cada período mínimo establecido no parágrafo anterior engadiráselle un ano.
c) Estar ao día, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.
d) Asinar un convenio especial coa base mínima do grupo III, tarifa 9, do réxime especial dos traballadores do mar, ou ter asinado convenio especial de base igual ou superior a aquel.
e) Non ser beneficiaria/o de ningunha outra axuda para a mesma finalidade e non ser perceptora/or de pensión de xubilación ou incapacidade permanente.
f) Non estar incursa/o en prohibición que lle impida ter condición de beneficiaria/o de subvencións.
2. Ás persoas comprendidas no número 2 do artigo 2º non se lles exixirá o requisito sinalado na letra a) do número 1 deste artigo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será o seguinte:
a) Para as persoas comprendidas no número 1 do artigo 2º, un mes contado desde o día seguinte ao do cumprimento dalgunha das situacións sinaladas nas súas letras a) e b).
b) Para as persoas comprendidas no número 2 do artigo 2º, un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| Axudas_mariscadores_a_pe.pdf | 186.13 KB |

