Conclusións do Día Galego do Emprendedor
26 Mai 2009 | UPD - Coordina Local
 

O pasado 19 de Maio celebrouse en Santiago de Compostela o Día Galego do Emprendedor.

A conclusión principal desta cuarta edición, promovida e organizada polo Igape e Bic-Galicia, a Consellería de Economía e Industria, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, foi principalmente que a crise pode ser unha boa oportunidade para emprender, A maior parte dos relatores que participaron nesta xornada, coincidiron en afirmar que a actual coxuntura económica é unha oportunidade para desenvolver proxectos empresariais. Moitos deles advertiron, ó tempo, que é preciso reinventar os modelos de negocio.

Unhas 20.000 persoas con vocación empresarial acudiron a esta cita, á procura de fórmulas de emprendemento ou consolidación dos seus negocios. Entre eles, estivo presente un bo número e Técnicos de Promoción Económica, chegados desde diferentes puntos da Comunidade Autónoma.

Como novidade, este ano ofreceuse asesoramento personalizado ós emprendedores que así o solicitaron. Expertos das entidades organizadoras e colaboradoras atenderon as súas demandas de información sobre cuestións relacionadas coa creación de empresas e autoemprego; innovación e novas tecnoloxías, financiamento e internacionalización. Durante a xornada, beneficiáronse máis de 300 persoas deste servizo. Técnicos do Igape, BiC  Galicia e a UPD Coordina Local, así como das máis de 20 entidades colaboradoras, facilitaron atención individualizada ós emprendedores e empresarios que o solicitaron, no momento de formalizar a súa inscrición on-line. Cada un dos solicitantes tivo un tempo aproximado de 15 minutos para trasladar as súas particulares dúbidas ós técnicos.

Algunhas das intervencións:

- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, destacou, na súa intervención, a vontade do seu departamento de axudar e financiar "boas ideas e bos equipos, e non só grandes empresas". Ademais engadiu que unha das premisas da Xunta é que "ningunha boa idea quede sen apoio", Javier Guerra cualificou de boa nova, o feito de que máis de 2.000 persoas se deran cita no Palacio de Congresos, e engadiu que esta é a mellor demostración de que aínda en tempo de crise "hai esperanza".

O conselleiro advertiu, ademais, que "non somos nada" sen empresas, como un xeito de poñer en valor e ensalzar o papel dos emprendedores e empresarios no impulso da economía. Neste senso, destacou tamén que "desde a Xunta queremos darlle un novo impulso a estas políticas, apostando por un labor continuado, no día a día". Anunciou tamén medidas para simplificar os procedementos administrativos e reafirmou a súa aposta polo capital risco, "en especial polo chamado capital semente" así como por "fomentar o orgullo de ser emprendedor" xa desde a etapa escolar, en liña co que está a facer Bic-Galicia. Advertiu que emprender "é un proceso longo e complexo", e quixo facer un recoñecemento especial "ós novos emprendedores e ás entidades que os arroupan, así como ós autónomos, que o están pasando mal na actual coxuntura".

- Pedro Moneo, Fundador de Opinno (unha rede internacional de innovación), formulou algúns consellos útiles para as empresas de tipo tecnolóxico que andan á procura de financiamento. Entre outras receitas, destacou a necesidade de buscar un negocio no que a rendibilidade sexa "palpable" para o investidor; pedir "o máximo diñeiro e aguantar tamén o máximo posible" sen novos financiamentos e apostar pola internacionalización, entendida non só como exportación, senón tamén como talento ou interrelación.

- Antonella Broglia, colaboradora do Think tank Infonomía, analizou onde se atopan as oportunidades de negocio. Coma no caso de Moneo, incidiu na necesidade da "reinvención de modelos" en época de crise, na que tamén ve oportunidades para os emprendedores. Neste sentido, puxo como exemplo o éxito de iniciativas impulsadas por empresarios sociais ou os negocios low cost.

- María Teresa Mariño Garrido, da Escola de Negocios Caixanova, animou ós emprendedores a seren optimistas, malia as dificultades que atopen para financiar os seus proxectos. Advertiu que a actual coxuntura de crise configura un mercado financeiro marcado polas "tres Ces": Competitivo, Complexo e Concetrado. Neste contexto, engadiu, só os mellores proxectos obterán financiamento, polo que é imprescindible que o emprededor teña confianza no seu proxecto, poña especial atención á hora de decidir o tipo de socio que quere que o acompañe e que potencie ó máximo o seu proxecto, deseñando o mellor Plan de Negocio posible.

- Pola súa banda, o investigador e líder de opinión Enrique Dans, incidiu no potencial que os emprendedores poden topar na rede. Lembrou que en pouco máis de 10 anos abriuse un camiño polo que calquera pode crear contidos, e dixo que tódolos empresarios deben aproveitar as redes sociais, blogs ou aplicacións de utilidade, caso das que ofrecen diferentes portais coma Google.

- Carlos Barrabés, promotor do portal barrabes.com, líder en comercio electrónico de produtos relacionados coa montaña, amosouse convencido de que a crise é "o gran momento dos emprendedores". Defendeu que é o tempo de ser proactivos, de "facer algo novo, diferente". Neste sentido, animou ós emprendedores a "montar algo, malia que sexa só de proba", diante das dificultades para definir o perfil de cliente e as facilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. Barrabés apostou tamén por innovar constantemente, " a partir dun cambio de perspectiva".Diante do cambio permanente do cliente (cultural, familiar), o empresarios aragonés avogou por un modelo de comunicación que preste especial atención a conceptos como a mobilidade ou a globalización, "ó marxe do tipo de negocio que sexa".

O balance da xornada foi moi bo, recibindo a visita de máis de 2.000 persoas.


Avda. Castelao, 47 Glerías
36690 Soutomaior. Pontevedra
aeas [arroba] aeas [dot] org

Tel. 986 700 766
Fax. 986 700 766
Páxina cofinanciada pola