O alcalde, Agustín Reguera, definiu o orzamento de 2009 como "moi parecido ós outros pero máis austero, adaptado á realidade que estamos vivindo". Entre as medidas tomadas para reducir os gastos do Concello destaca "a conxelación do soldo do alcalde e concelleiros con dedicación, e as asistencias ós plenos". Pero sobre todo é o capítulo de investimentos o que descende, dende os máis de 400.000 euros que supuxo no 2008 ós 282.000 deste ano. Segundo o rexedor, "algunhas inversións do ano pasado xa non son precisas coma as da gardería infantil ou as destinadas á merca de terreos para o instituto", polo que a cantidade prevista en inversións este ano "se obtén dos recursos propios" para obras ordinarias como as relativas ó alumeado ou traballos de parques e xardíns.
É precisamente esta falta de investimentos extraodinarias a que criticou o BNG no pleno e a continuación na rolda de prensa. Segundo Fernando Herrero, portavoz do grupo nacionalista, non é lóxico que o orzamento municipal "reduza case á metade o investimento real neste momento de crise". Ó seu xuízo, o Concello "debería meter man no asunto" cun plan de acción social ou programas de promoción do emprego "porque a situación é apremiante". Outra proposta dos nacionalistas -a maioría da oposición xunto co PSOE- era "condonar as taxas ós parados de longa duración".
Engade Herrero que o bo estado das finanzas do Concello permitiría medidas máis claras contra a crise " e non deixalo como está, paralizado".
Outra crítica por parte do BNG ó orzamento de Soutomaior é que o "gasto corrente" se manden igual, a pesar de que o PP se comprometeu mediante unha moción a reducilo. A este respecto, Agustín Reguera di que as subidas do IPC " por parte dos nosos provedores, a luz, a auga..." deben reflectirse nas contas municipais. Afirma que as taxas municipais que se cobran ós veciños e empresas " tamén as conxelamos", excepto as de auga e lixo, cuxa subida se aprobou a finais do 2008 e que segundo o alcalde "débense a que os subministradores subiron os prezos na porcentaxe do IPC".
Contas saneadas
No que si coinciden goberno e oposición é en que as contas do Concello de Soutomaior "están saneadas", cun mínimo nivel de débeda. O rexedor comentou que en 2009 só se aboarán en concepto de créditos e intereses 40.000 euros fronte ós 142.000 euros de 2008, e asegurou que " non vamos pedir crédito ningún" porque "podemos aguantar este ano e o seguinte" e o seu obxectivo neste momento de crise é " facernos fortes, non endebedarnos". Por isto, ante as críticas da oposición sobre a falta de iniciativas "anticrise", Reguera di que estes plans competen no seu caso á Xunta e o Estado, a través do Fondo de Inversión cuxas obras xa se aprobaron.
"Cun presuposto de 3 millóns de euros pouco podemos facer, é demagóxico plantexar un plan de emprego porque nós non temos esa capacidade, teríamos que agardar as subvencións e xa é complicado afrontar co que temos as nóminas e os gastos correntes, que levan o 50%", dixo.
Reguera recordou que este ano a aportación do Estado "baixou un 10%, por iso temos que controlar as nosas contas".
Para ver a noticia orixinal: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009031800_3_307281__Comarcas-Soutomaior-aprueba-unos-presupuestos-austeros-pero-medidas-anticrisis



