Touriño destaca que 51.000 galegos empezarán a cobrar o 10 de novembro o complemento das pensións
29 Out 2008 | Europa Press

A partir do próximo 10 de novembro 51.000 galegos empezarán a percibir o complemento autonómico das pensións non contributivas, que suporá á Xunta un desembolso durante este ano de 10 millóns de euros, distribuídos nunha paga única de 200 euros por pensionista.

Así, explicouno hoxe o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante un acto público ao que acudiron ao redor de 200 maiores, que lle recibiron entre aplausos á súa chegada ao Antigo Café Moderno de Pontevedra.

Touriño explicou que os destinatarios deste complemento verán incrementada a súa pensión un 4,3 por cento, e destacou que "por primeira vez o Goberno galego anuncia e cumpre un complemento específico para este tipo de pensións", despois de que o Executivo de José Luís Rodríguez Zapatero eliminase a prohibición ás Comunidades Autónomas, establecida polo PP, de complementar as pensións non contributivas.

O xefe do Executivo galego tamén resaltou que as pensións mínimas veranse incrementadas o próximo ano 2009 en Galicia un 6 por cento, o que significa "triplicar o crecemento previsto do IPC". Así, concluíu que ambas as iniciativas contribuirán a establecer un sistema de benestar cuxa finalidade é "mellorar a vida dos galegos, favorecer a súa autonomía e promover a inclusión e a normalización social".

PENSIÓNS GARANTIDAS

Por outra banda, o presidente da Xunta sinalou que as pensións están aseguradas ata o ano 2029, segundo o compromiso do Goberno central expresado polo ministro de Traballo, Celestino Corbacho.

"O sistema de pensións está plenamente garantido e non corre o mínimo risco", proclamou Touriño, que aproveitou o acto político con pensionistas para trasladarlles que "non deben ter ningún temor baixo ningunha circunstancia".

O máximo mandatario autonómico explicou que o Ministerio de Traballo comunicoulle nunha entrevista recente que se fixeron todos os estudos necesarios para garantir a estabilidade e o equilibrio orzamentario "para o mantemento das pensións polo menos ata o ano 2023".

A iso engádese "a aplicación do fondo de reserva", co que as pensións estarían garantidas ata o 2029. A partir de aí "haberá épocas de dificultades como a que estamos atravesando, pero tamén haberá momentos de bonanza con crecemento da economía, durante os que novamente se creará emprego e poderase seguir garantindo o mantemento das pensións", augurou.


Avda. Castelao, 47 Glerías
36690 Soutomaior. Pontevedra
aeas [arroba] aeas [dot] org

Tel. 986 700 766
Fax. 986 700 766
Páxina cofinanciada pola