Iniciar sesión
Galicia é a primeira Comunidade autónoma que regula legalmente os Bancos de Tempo e os Plans de Programación do Tempo na Cidade como medidas municipais de conciliación de promoción autonómica
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, presidiu a xornada ‘O impulso municipal á conciliación: o uso do tempo’, sobre a promoción dos plans de programación do tempo nas cidades
A través desta iniciativa preto de 500 representantes de concellos, institucións e organizacións empresariais e sindicais recibiron hoxe información práctica sobre a posta en marcha dos Bancos do Tempo
Unha das preocupacións da Consellería de Traballo é garantir o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres en todos os ámbitos da sociedade e, especialmente, no eido laboral. Con ese obxectivo, o Goberno galego, a través da Consellería de Traballo, xestionará ao longo de 2009 un orzamento de case 200 millóns de euros para fomentar a posta en marcha de programas de promoción da igualdade e da corresponsabilidade.
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, avanzou esta mañá este obxectivo para o vindeiro ano durante a xornada sobre a promoción dos plans de programación do tempo nas cidades O impulso municipal á conciliación: o uso do tempo. Este foro, organizado pola Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo, contou cunha ampla representación de concellos, institucións e organizacións empresariais e sindicais.
Unhas 500 persoas tiveron así a oportunidade de recibir información práctica e coñecer de primeira man os mecanismos e axudas articulados polo departamento laboral da Xunta de Galicia para fomentar a posta en funcionamento dos Bancos do Tempo e os Plans de Programación do Tempo na Cidade. A xornada contou coa participación de expertos como a concelleira de Usos do Tempo do Concello de Barcelona, Immaculada Moraleda; a coordinadora dos Bancos do Tempo da Asociación Saúde e Familia, Josefina Altés; e a representante da Fundación Cultura e Comunicación e da Universidade Popular da Rioxa, Tania Palacios.
Tal e como sinalou Varela na súa intervención, o Goberno galego, na procura do crecemento e desenvolvemento económico e social, ten como un dos seus obxectivos estratéxicos a integración efectiva da igualdade de trato entre mulleres e homes nas diferentes políticas públicas.
Asemade, engadiu que o compromiso do departamento laboral da Xunta de Galicia coas políticas que eliminen as desigualdades proxéctanse en todas as actuación no eido do emprego e as relacións laborais. O titular de Traballo puxo como exemplo a posta en marcha do Plan Aurora de Emprego Feminino, no que está incluído o Programa Concerta. O obxectivo principal é potenciar a conciliación da vida familiar e laboral.
Recordou que estas actuacións enmárcanse dentro do contorno normativo e de desenvolvemento da Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia. Este texto legal ten un carácter transversal na aplicación das numerosas medidas que contempla. Ademais integra actuacións pioneiras que promoven novidades metodolóxicas na xestión dos tempos para a conciliación. A filosofía, segundo afirmou Varela, é a construción de espazos de convivencia máis igualitarios e solidarios que tendan á creación de vínculos sociais e ao recoñecemento da complexa articulación e desenvolvemento dos tempos e traballo, de ocio e do traballo de coidados.
Neste sentido, Galicia é a primeira Comunidade autónoma que regula legalmente os Bancos de Tempo e os Plans de Programación do Tempo na Cidade, como medidas municipais de conciliación de promoción autonómica. O modelo organizativo para a súa posta en marcha fai que sexan servizos públicos ao cen por cen, que desenvolvan funcións de reciprocidade e que eximan de compensación horaria a algunhas persoas que só solicitan servizos.
Ademais, poden contemplarse como estruturas de inserción laboral ao ter en conta a contratación de profesionais e traballadores en situación de difícil inserción ou dificultade social. Esta iniciativa da Consellería de Traballo supón este ano unha achega orzamentaria de preto dun millón de euros.
Incorporación da muller ao mercado de traballo
O conselleiro de Traballo recordou que a incorporación e a participación das mulleres no traballo remunerado supuxo unha realidade irreversible marcada por unha evolución positiva na cualificación e formación académica, polas actuais esixencias sociais e económicas, e por unha clara e forte decisión das mulleres de formar parte activa da realidade social.
Varela destacou que a situación do emprego feminino evolucionou e avanzou considerablemente dende o ano 2005, cando a taxa de emprego das mulleres se situaba nun 50,5%, cifra que agora se sitúa nun 58,5%. En datos absolutos, precisou o titular de Traballo, facilitamos a incorporación ao mercado de traballo de 56.800 mulleres máis. Cómpre sinalar outro dato que evolucionou de xeito favorable: a taxa de paro, apuntou Varela, xa que se reduciu dende un 15,4% en xuño de 2005 ata un 10,3% na actualidade.
O comportamento do mercado laboral galego en comparativa co Estado tamén amosa unha tendencia positiva. A taxa de emprego estaba 1,5 puntos por debaixo da media estatal e agora está 2,5 puntos por riba. O mesmo sucede ao comparar a taxa de paro feminina, que en Galicia se situaba 3,1 puntos sobre a media estatal, mentres que hoxe é 2,4 puntos inferior á taxa de paro das mulleres no conxunto do Estado.
Por último, Ricardo Varela mostrouse convencido de que estes datos serven para afirmar que as políticas de emprego que procuran a igualdade entre homes e mulleres están dando moi bos resultados. Asemade indicou que tamén marcan o camiño que queda por avanzar, pois o diferencial da taxa de emprego entre as mulleres e os homes aínda é de 15,8 puntos (os homes representan unha taxa de emprego dun 74,3% e as mulleres dun 58,5%).

